Monday 06 de May de 2024

Dúas novas sentenzas achegan o Espazo Apego, antigo local sindical, á titularidade municipal


Estas novas decisións xudiciais achegan o equipamento municipal situado no corazón do Ensanche ao final do litixio para clarificar a titularidade do inmoble. Este foi un dos asuntos que destacou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nunha rolda de prensa na que tamén anunciou a recepción da proposta de convenio por parte da Xunta ao respecto da mobilidade na contorna do CHUS e se congratulou pola aprobación dos Orzamentos municipais para 2024.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, abriu a rolda de prensa amosando o seu pesar polo falecemento de Daniel Portas, membro do Banda Municipal de Música.

Ao respecto da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario, Goretti Sanmartín confirmou a recepción dunha “proposta de texto de convenio” por parte da Xunta que recolle as demandas enunciadas polo organismo autonómico na reunión do pasado 30 de xaneiro na que solicitaba unha achega municipal de 3,5 millóns para o aparcadoiro da parcela do CHUS a cambio dun plan de saneamento no rural.

A rexedora comprometeuse a estudar a proposta “nas próximas semanas”, aínda que non a ve unha “opción xusta nin equitativa” xa que estes “investimentos son responsabilidade exclusiva do SERGAS” e reiterou a “vontade total de colaboración, dentro do xusto e razoable, para pechar un acordo”.

A alcaldesa lembrou que a posición municipal, recollida nun acordo plenario co apoio dos grupos do BNG, de Compostela Aberta e Socialista, contempla unha “abordaxe global e conxunta entre a Xunta de Galicia e o Concello” que cubriría múltiples aspectos como a mellora da integración urbana, a ordenación do recinto interior, a mellora das conexións de transporte para usuarios e para o persoal, así como a creación dun aparcadoiro de ampla capacidade no exterior do recinto.

Nesta liña, Goretti Sanmartín recordou que a prioridade do Concello é “resolver os problemas urxentes” e anunciou que xa se está avanzando na habilitación da parcela situada ao pé do CIMUS, a 150 m do hospital que “permitirá ofrecer 151 prazas gratuítas e de acceso libre” e que estará operativa “nunhas poucas semanas”.

Esta medida complétase tamén coa implantación da ORA nun total de 287 prazas nas inmediacións do CHUS, adoptada na Xunta de Goberno desta semana e que favorecerá a rotación de vehículos.

Aprobación dos orzamentos

A alcaldesa congratulouse pola aprobación no Pleno extraordinario do pasado 7 de febreiro dos Orzamentos xerais, “os maiores da historia deste Concello con máis de 142.4 millóns de euros”.

Esta aprobación permitirá continuidade dos proxectos “que responden a necesidades reais, sexan ou non prioridades do goberno actual”, como é o caso da web municipal ou as obras financiadas con remanentes imposibles de executar dentro do exercicio 23.

Outra das prioridades será a a mellora da organización municipal “de cara a que os procesos de execución se axilicen” así como o incremento de persoal e unha “renovación organizativa”. Neste sentido, “como primeira medida, esgotamos ao limite a taxa de reposición de efectivos en vigor para crear todas as prazas posibles, 3 a maiores na Administración alén das prazas do Corpo de Policía que tamén teñen unha excepcionalidade”, detallou a rexedora que tamén se congratulou polo anuncio desta semana do Goberno do Estado de eliminar a taxa para os próximos exercicios, o que permitirá “aliviar a presión á que está sometida a Administración Local para actuar”.

O Concello tamén está traballando na elaboración do “plan de contratación que en vindeira semanas se levará a aprobación e se dará a coñecer” e na reorganización dos departamentos e a centralización das xestións de gasto. A alcaldesa tamén anunciou a aprobación “en breve” do nomeamento da persoa que asumirá a dirección da Área de Planificación e Xestión Tecnolóxica, o que permitirá “mellorar o funcionamento da administración electrónica e da información á cidadanía”.

Avances xudiciais para o Espazo Apego

A alcaldesa informou sobre as novidades que se produciron sobre o local municipal coñecido como Espazo Apego, situado na Ensanche compostelán, tras máis de 10 anos de procesos xudiciais.

Goretti Sanmartín avanzou que o vindeiro luns darase conta na Xunta de Goberno de dúas sentenzas que “comezan a perfilar as bases da recuperación definitiva deste inmoble municipal”. Estas sentenzas, que polo momento son recorribles, “rexeitan os recursos contencioso-administrativos interpostos pola sociedade inmobiliaria que adquiriu o local logo como resultado dunha da execución por parte dun banco dunha carga hipotecaria que a promotora do edificio non atendeu”, detallou.

A conclusión das sentenzas obriga á promotora a entregar o local libre de cargas e inscribilo no Rexistro da Propiedade a favor do Concello. No caso de non ser así, o Concello estaría habilitado para realizar a inscrición sen necesidade do consentimento do titular rexistral, xa que se trata “dunha cesión obrigatoria derivada dun instrumento de planeamento”.

Adscrito ao Departamento de Lingua e ao programa Apego, este equipamento municipal de algo máis de 400 m ocupa o primeiro andar da rúa República do Salvador 12. O Concello obtivo este espazo como resultado do traslado dos locais sindicais a San Lázaro.